Dec 29, 2025
A tradicional carreira solidaria de Reis disputarase o domingo 4 de xaneiro con récord de participación na categoría absoluta. As inscricións permanecerán abertas ata o xoves día 1 incluído.
Barreiros, 29 de decembro de 2025
Barreiros acollerá a primeira das probas pertencentes ao seu Circuíto de carreiras populares "Circuíto +kmsBarreiros", que ademais da carreira absoluta e de menores contará cunha andaina solidaria con dúas distancias (8 e 13kms) a escoller polas persoas participantes.
O aporte solidario desta edición irá destinado a prol da asociación SOMOS, unidos por el cáncer e desde o Concello agardan superar a cifra recadada o ano anterior que foi de 667 euros. Na páxina web do evento www.maiskmsbarreiros.gal poden facerse as inscricións ao igual que está dispoñible un Dorsal 0 no que se pode colaborar co aporte solidario sen necesidade de participar nas probas.
Esta primeira proba servirá para establecer os primeiros candidatos e candidatas a repartirse os 1.000 euros en premios que están en xogo nas distintas categorías do Circuíto +KmsBarreiros 2026 así como premiará aos mellores clasificados individuais absolutos co tradicional Roscón de Reis e cun lote de productos de Porco Celta que tamén conseguirá o mellor Club da carreira.
Ademais haberá chocolatada e roscón de balde para todas as persoas inscritas e levarán un agasallo en forma de camiseta os 250 primeiros inscritos tanto na andaina como na carreira absoluta e estes últimos tamén terán outro agasallo da organización.
Dende o Concello de Barreiros, entidade organizadora do evento, agradecen a colaboración doutras entidades como a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, das asociacións Praias de Comado, CC Ollomao, AD Aguas Santas, Protección Civil de Barreiros e de todos os patrocinadores e voluntarios que quixeron colaborar coa carreira, e animan a toda a veciñanza a inscribirse e a asistir a un evento que achegará a Barreiros preto de 500 persoas.
A saída e a meta estarán situadas ao carón do Centro sociocultural de San Cosme de Barreiros, sendo a saída da andaina ás 10:30h, as carreiras de menores ás 11:10h e a carreira absoluta ás 12h."